Sunday 05 de May de 2024

A Xunta adianta a convocatoria das axudas do Fondo de Compensación Ambiental


A Xunta reitera así o seu compromiso cos concellos e adianta a convocatoria destas axudas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a nova de Orde de axudas e subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o 2015, que se acaba de publicar e que se adianta case catro meses con respecto ao ano pasado, “cumprindo así unha reivindicación do conxunto do municipalismo galego”.

Segundo engadiu o delegado territorial, o adianto nas datas da convocatoria vai facilitar a xestión da Orde, xa que, en primeiro lugar, proporcionará aos concellos un prazo de execución dos proxectos subvencionados moito maior, redundando nunha execución material mais eficiente e de maior calidade. “Ademais, como consecuencia do maior prazo, resultará mais sinxelo para os concellos dar cumprimento as esixencias legais de contratación e xustificación dentro dun procedemento de control de legalidade sumamente esixente”, asegurou.

Para o financiamento da convocatoria de subvencións destínase 8,3 millóns de euros que se destinarán a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos suministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións. “A cantidade que corresponderá á provincia de Pontevedra no eido da liña non competitiva será de 838.961,13 euros para 19 concellos, que, por certo, tamén poderán optar a axudas a través da liña competitiva, como o resto de municipios de Pontevedra”, explicou Cores Tourís.

Os concellos que contan con liña non competitiva na provincia son Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, As Neves, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, a orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico e conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros. Pola súa banda, á liña competitiva poderán optar a totalidade das entidades locais galegas que presenten proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Esta liña é de 1,7 millóns de euros.

“O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico”, matizou Cores Tourís, quen destacou que o ano pasado foron, na liña competitiva, cinco concellos (Meaño, Ribadumia, Agolada, Ponte Caldelas e Cambados) e a Mancomunidade do Salnés os que se viron beneficiados por este tipo de axudas, cun total de 176.822,16 euros de subvención.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

Priman as solicitudes conxuntas
Como se vén facendo desde o ano pasado, a través dun acordo ratificado polo Consello da Xunta, a a liña en concorrencia competitiva incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

A cuantía máxima dos proxectos a presentar será de 40.000 euros para as solicitudes individuais, e de 120.000 euros para as conxuntas, un 20 por cento máis que o ano pasado, cando o límite estaba nos 100.000 euros.

Fomento das fusións voluntarias
Ademais, co obxectivo de contribuír ao fomento das fusións municipais voluntarias, e dentro das medidas para o seu impulso, este ano os concellos resultantes deste proceso poderán presentar proxectos ata un máximo de 120.000 euros, o mesmo importe que nas solicitudes conxuntas.

Presentación de máis dunha solicitude
A última das novidades que presenta a Orde de 2015 é a posibilidade de presentación polos concellos de mais dunha única solicitude. Os concellos poderán realizar solicitudes de xeito individual, compatibles coa presentación dunha solicitude conxunta, co que se lle permite solicitar axudas para atender as súas necesidades específicas, sen que sexa un impedimento para apostar por outras de carácter conxunto e colaborativo.

As solicitudes destas características deberan referirse a unha única actuación, e todos os concellos solicitantes deberán realizar unha achega mínima do 25 por cento ao proxecto, salvo caso de máis de catro solicitantes que asumirán un reparto proporcional dos custes do proxecto, fomentando deste xeito o carácter colaborativo e supramunicipal destas iniciativas. Esta limitación a unha única actuación, non operará para as solicitudes realizadas por concellos resultantes de fusións municipais.